Angola, oportunidades de negocio

A República de Angola está a ser na actualidade escenario dun particular proceso político e económico. Con apenas 37 anos dende a súa independencia de Portugal, e a case 10 de haber saído dunha prolongada guerra civil, esta nación africana acadou no último lustro taxas medias de crecemento do seu Produto Interior Bruto superiores ao 17% anual, desprazando a Nixeria como principal exportador de petróleo do continente e converténdose nun dos principais produtores de diamantes do mundo. Logrou baixar notablemente a súa débeda externa e reduciu a taxa de inflación dun 105 % no 2003 ate un 14 % en 2011. Pero a pesar destes impactantes logros macroeconómicos, a riqueza xerada non perméa para as capas máis baixas da sociedade, sendo aínda un país de fortes desigualdades sociais. Por isto, Angola atópase nun momento crucial para o seu desenvolvemento tanto económico como social, e un dos principais retos aos que se enfronta o goberno angolano é a procura dun crecemento sostible e o desenvolvemento dun estado de benestar para a súa poboación. As infraestruturas, a pesca ou os servizos son, daquela, algúns dos sectores que maior demanda externa presentan e que constitúen, xa que logo, unha magnífica oportunidade de negocio para os empresarios galegos.