”Horizontes culturais para unha Galiza lusófona”

Horizontes culturais para unha Galiza lusófona, artigo de Maite Vence, publicado na edición en papel do 22/02/2013 do xornal Sermos Galiza (www.sermosgaliza.com) 

maite.page1_6

Esa reivindicación de Galiza como nación económica e cultural, moi presente, particularmente, na obra de Paz Andrade, supón unha mirada estratéxica e visionaria dun modo de concibir a cultura como elemento multidimensional capaz de provocar impactos en todas as esferas da estrutura dun país. Ese enfoque de cultura, entendida como identidade e usada como motor e alicerce primixenio para o desenvolvemento económico, tería sido unha aposta gañadora e avantaxada que posibelmente de terse tido en conta no pasado, situaríanos hoxe noutra dimensión de país.

O galego tería sido, sempre, un instrumento cultural chave nunha boa estratexia de desenvolvemento económico baseada na identidade cultural como elemento innovador . Así foi, que as potencialidades que presenta dentro do extenso espazo da lusofonía , supuxeron para aqueles que souberon ver a irmandade idiomática, unha oportunidade clara de expansión e de relacionamento en ámbitos diversos, con países cos que Galiza compartía e comparte unha lingua común. Así o demostrou Paz Andrade ao longo de toda a súa intensa vida, e así , con esa habelencia o resumiu tamén cando afirmou aquilo de “Galiza é a fonte, Portugal a ponte e Brasil o paraíso prometido” .

No entanto, as políticas culturais e os planos de desenvolvemento de Galiza ao longo do último século, influenciados pola espiral do centralismo, obviaron a capacidade catalizadora que supuña a lingua galega no mundo, e as oportunidades que achegaba como peza fundamental para o noso desenvolvemento interno como territorio a partir da conexión que as afinidades culturais e lingüísticas nos outorgaban cos países de fala portuguesa.

Hoxe a comunidade lusófona está composta por perto de 200 millóns de persoas no mundo e Galiza posúe unha vantaxe competitiva diferenciadora dentro do Estado español e da propia Europa. Unha vantaxe acrecentada, ademais, pola nosa posición xeoestratéxica, que, lonxe de outorgarnos un carácter psicoloxicamente periférico, resultado de toda esa serie de políticas poderosamente centralistas, colocaríanos como punto de encontro privilexiado entre a hispanidade e a lusofonía. Na actualidade, economías consolidadas como a de Brasil, ou en proceso de mudanza como a de Angola, abren mercados interesantes e até agora pouco explorados para as nosas producións.

Nos últimos tempos, de facto, voces sensibles, comezan xa a abrir o debate para analizar unha posible pertenza de Galiza como membro observador ou convidado da CPLP; esta eventual incorporación achegaría enormes posibilidades de expansión para toda a nosa industria, e para as producións culturais en particular, ao constituír o mercado luso unha saída quasi-natural, veiculizada, neste caso, a través do idioma e doutros subespazos comúns, que permitirían o intercambio de experiencias que redundarían en posíbeis e importantes fluxos de capital.

O efecto multiplicador da cultura é innegábel, e xa case ninguén concibe ningún éxito no plano económico sen conectalo coa cultura. O binomio perfecto parecería ser aquel capaz de integrar de maneira efectiva e transversal non só novos desenvolvementos tecnolóxicos senón tamén cuestións relacionadas coa cultura.

A lingua, como nai da identidade e raíz do resto de manifestacións culturais, constitúe a materia prima coa que se elaboran as bases dunha sociedade culta e con recursos, capaz de innovar e atraer talento ao abeiro de contornas creativas. Dados os novos retos aos que deben enfrontarse outros sectores do sistema produtivo en profunda crise na actualidade, as industrias culturais emerxen, para nós, como oportunidade para converterse en motores de crecemento coa forza suficiente para mudar vellos e ineficientes paradigmas.

Nestes tempos, marcadamente catastrofistas, a recuperación da nosa autoestima como sociedade e a construción de novos modelos económicos tería que pasar por recoñecer o poder e o valor utilitarista da nosa lingua, e da cultura que dela se deriva, e construír de forma sensata unha sociedade menos líquida. E, nese intento, a lusofonía supón para Galiza unha oportunidade única, que sempre estivo aí, e que quizais sexa agora un momento crucial para aproveitala.